Thursday 19 de September de 2024

O ciclo de concertos ‘Mar Aberto’ recala esta semana no Faro Punta da Barca incrementando a oferta turística da Costa da Morte


— O festival organizado por Turismo de Galicia chega o venres 2 e sábado 3 a Muxía cun cartel protagonizado por Mercedes Peón, Budiño, Mondra e Zeltia Irevire

— As persoas interesadas en asistir aínda poden reservar a súa entrada de balde na web www.festivalmaraberto.com

— Tras celebrarse a pasada fin de semana no Faro de Corrubedo, rematará o 9 e 10 de agosto no Castelo de San Felipe en Ferrol

O festival Mar aberto, concertos na fin da terra, organizado por Turismo de Galicia, continúa a desenvolverse esta fin de semana e terá como escenario o Faro Punta da Barca de Muxía. O ciclo de concertos, que comezou a pasada fin de semana no Faro de Corrubedo, en Ribeira, pretende incrementar as propostas turísticas de lugares patrimoniais de Galicia. A cita en Muxía será o venres 2 de agosto coas actuacións de Señora dj, Mercedes Peón e Mondra e continuará o sábado 3 con Rapariga dj, Budiño e Zeltia Irevire.

A apertura de portas será o venres ás 19,30 horas e ás 20,15 horas comezará o espectáculo musical da man de Señora dj, comezando así a experiencia á beira do Santuario da Virxe da Barca de Muxía. Ás 20,45 horas continuará coa actuación do artista galego Mondra, que cederá a testemuña sobre as 21,45 horas, á recoñecida artista galega Mercedes Peón que encherá o escenario de enerxía e boa vibración. Rematado o concerto, unha última sesión de Señora dj porá o punto final ás 00,00 horas. O sábado 3 de agosto será a quenda de Rapariga dj, Budiño e Zeltia Irevire.

Mar aberto, concertos na fin da terra é unha proposta única e diferenciada de Turismo de Galicia na que os protagonistas son a música, natureza e espazos singulares. Trátase de concertos con propostas artísticas deseñadas para cada espazo que acompañan a postas de sol sobre o Atlántico, dando lugar así a unha perfecta combinación de patrimonio, paisaxe, cultura, gastronomía e música. Esta é cuarta edición dun evento musical que rexistrou unha participación o pasado ano de máis de 2.000 persoas.

Entradas de balde
O ciclo de concertos comezou a pasada semana inaugurándose no Faro de Corrubedo en Ribeira e continuará a fin de semana do 9 e 10 de agosto no Castelo de San Felipe, en Ferrol coas actuacións de María José LLergo, _juno, Pamela Rodríguez e Lua de Santana. O público poderá gozar de todo este programa totalmente de balde e as reservas están indo a moi bo ritmo, pese a que xa non quedan para os concertos de Ferrol. No caso de Muxía, hai algunhas aínda dispoñibles que se poden reservar na web www.festivalmaraberto.com.